ASPABER Asociación

Asociación de Pais de Discapacitados Psiquicos de Bergantiños

O I.E.S. Monteneme en colaboración con Aspaber expoñen o proxecto Ti2=i na 3ª edición do Congreso FP Innova Galicia

27 de abril de 2018   -    Do sector

O I.E.S. Monteneme en colaboración con Aspaber expoñen o proxecto Ti2=i na 3ª edición do Congreso FP Innova Galicia Presentación do proxecto Ti2=i na 3ª edición do Congreso FP Innova Galicia

Despois dun ano de colaboración entre o I.E.S. Monteneme de Carballo e Aspaber para levar a cabo en común o proxecto Ti2=i, un proxecto de innovación didáctica no ámbito da formación profesional en centros públicos e logo de conseguir o premio á innovación na FP (modalidade B, convocatoria 2017 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), esta semana o personal de Aspaber e o alumnado e profesorado de electricidade e electrónica e de fabricación mecánica do instituto carballés, presentaron na Cidade da Cultura de Galicia o traballo realizado froito desta colaboración.

Os productos resultantes deste proxecto son unha mesa de estimulación sensorial e unha consola de adestramento, ideas que foron acollidas con gran aceptación polos visitantes a este congreso, entre os que estaba o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo.

A finalidade de Ti2=i é a utilización das novas tecnoloxías a través do deseño e a fabricación de productos e adestradores que favorezan a autonomía persoal. Ti2=i nace como resposta desde a FP ás demandas de adaptacións específicas comunicadas por entidades que traballan con persoas que presentan algún tipo de discapacidade como Aspaber ou a ONCE, colaboradores do proxecto.

Os obxectivos deste proxecto son:

  1. Aplicar a tecnoloxía e a innovación para favorecer a integración das persoas con diversidade funcional.
  2. Realizar adaptacións de materiais e produtos para a súa utilización por persoas con algún tipo de discapacidade.
  3. Desenvolver novos produtos que faciliten a asimilación de conceptos e que permitan practicar e afianzar rutinas de autonomía persoal.


Imaxes