ASPABER Asociación

Asociación de Pais de Discapacitados Psiquicos de Bergantiños

Entrega de resultados do proxecto Ti2=i en Aspaber

29 de outubro de 2018   -    Do sector

Entrega de resultados do proxecto Ti2=i en Aspaber Alumnos, profesores e profesionais de Aspaber na entrega dos dous produtos do proxecto Ti2=i

Alumnado e profesorado de ciclos formativos do IES Monte Neme, fixeron entrega o pasado venres en ASPABER de dous dos produtos finais desenvolvidos ao abeiro do proxecto “Ti2=i”: unha mesa de luz multifunción e un adestrador de rutinas para a vida diaria, que permite aos usuarios adquirir as rutinas básicas para a utilización do aseo.

A mesa de luz multifunción, baseada en tecnoloxía LED RGB, ten como finalidade facilitar a adquisición de coñecementos e a aprendizaxe por parte de persoas que presentan algún tipo de discapacidade. A mesa dispón dunha tira de led RGB de alta intensidade, que se activa a través de diferentes premedores de cores, que inclúen ademáis vibración para traballar a estimulación. A mesa permite tamén a gravación personalizada de música ou mensaxes de audio.

O adestrador de rutinas destínase á aprendizaxe da secuencia básica para a utilización do aseo por parte dos usuarios, traballando con elementos sensoriais visuais (pictogramas) e auditivos (arquivos personalizados de audio).

O proxecto “Ti2=i”, que fai referencia á integración da tecnoloxía e a innovación para tratar de lograr a igualdade de persoas, no que colaboran o IES Monte Neme, ASPABER e a ONCE, recibiu un premio para a elaboración de proxectos de innovación didáctica por parte da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

No centro contouse coa colaboración e implicación de profesorado e alumnado das familias profesionais de Electricidade e Electrónica e Fabricación Mecánica, e en concreto dos seguintes ciclos formativos de formación profesional: Ciclo Básico de Electricidade e Electrónica, Ciclo Básico de Fabricación e Montaxe, Ciclo Medio de Instalacións de Telecomunicacións, CM de Mecanizado e CS de Mantemento Electrónico, seguíndose unha metodoloxía de aprendizaxe activa para impartir o currículo a través do desenvolvemento de proxectos, “Aprendizaxe Baseada en Proxectos”, o que mellora a motivación do alumnado, ao poder dar resposta a necesidades reais.





ISO 9001