10 de febreiro de 2018

Presentación do equipo do novo servizo de limpeza viaria Presentación do equipo do novo servizo de limpeza viaria

O Centro Especial de Emprego Aspaber resultou adxudicatario do servizo de limpeza viaria para os próximos dous anos por un importe de 82.031,49 euros. Francisco Costa, Dolores Fernández e José Luis Villar, en representación de Aspaber, desprazáronse ata Malpica para presentar, xunto co alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, o equipo humano e técnico da concesión.

O servizo de limpeza está integrado por un mínimo de 4 persoas e dispón, entre outros medios materiais, de hidrolimpadora, equipo soplador, carriño portacubos de limpeza e rozadora. As súas funcións xerais consisten na limpeza de rúas, prazas e paseos da vila, incluíndo o varrido, baldeo e desatasque de tragantes, así como na eliminación de maleza en pavimentos. Tamén lle corresponde o baleirado de sumidoiros ou rejillas, a limpeza de papeleiras, a eliminación de herbas nos alcorques, a limpeza e retirada de excrementos da vía pública, o baldeo de rúas ou a limpeza de vías e espazos onde se celebren festas nas distintas parroquias.

Nos labores de varrido manual os operarios deberán prestar unha atención especial aos espazos nos que se sitúen os colectores, os accesos aos colexios, as zonas nas que haxa bancos ou mobiliario público e aquelas en as que se acumulen residuos de calquera tipo. Ademais desas tarefas xerais, o contrato inclúe outros traballos puntuais, entre os cales figuran a limpeza de solares municipais, a retirada de chicles da vía pública, a eliminación de pintadas ou as limpezas extraordinarias en caso de accidentes ou de fortes choivas ou desprendementos de terra.

Tamén figura un apartado específico para o mercado dos sábados, no que o servizo de limpeza realizará o varrido, baldeo, soprado e baleirado de papeleiras. Os ríos de lavar, por exemplo, limparanse 3 días ao ano; a Fonte Vella de Malpica, 8 veces no ano; os parques infantís, unha vez ao mes, e as áreas de lecer, tres veces ao ano.

O Centro Especial de Emprego Aspaber renova a súa vinculación co Concello, xa que desde mediados do ano 2013 levaba desenvolvendo tarefas de limpeza viaria en Malpica. O alcalde expresou a súa satisfacción por poder seguir contando con Aspaber, non só polo bo facer que demostrou, senón tamén porque este novo contrato permite ao Concello de Malpica seguir materializando o seu compromiso coa integración laboral das persoas con discapacidade.