A actividade de Aspaber S.L Centro Especial de Emprego desenvólvese dende o ano 2000 no mercado aberto con criterios de eficiencia, competitividade e calidade. Contamos cun axeitado soporte tecnolóxico que respalda as distintas liñas de negocio nas que nos temos especializado (reparación de produtos plásticos, xestión de puntos limpos, limpezas, xardinería, carpintería, escaiola, manipulados corporativos,...).

Non podemos esquecer que a nosa actividade como empresa responde a un primeiro obxectivo: crear postos de traballo para persoas con minusvalidez intelectual. Consideramos que a ocupación laboral é o medio máis importante do que dispoñemos para conseguir a súa integración e normalización dentro da comunidade.

Desde a base deste imprescindible compromiso social, aproveitamos as nosas fortalezas, o que nos fai diferentes, pero tamén únicos. Sacamos partido dos nosos medios e da nosa longa experiencia para asentarnos no marco da economía social e dar un servizo aos nosos usarios e á sociedade en xeral.

Os éxitos de Aspaber SL son medibles en satisfaccións, pero tamén en números. Entre algúns dos nosos contratos está o encargo das molduras personalizadas para as tendas de Carolina Herrera en Suramérica ou as concesións administrativas firmadas cos concellos da Laracha, Malpica e Carballo para limpeza viaria, de centros públicos e a xestión de puntos limpos. Logros alcanzados grazas ao noso compromiso co traballo e os requisitos de calidade do cliente.