ASPABER Asociación

Asociación de Pais de Discapacitados Psiquicos de Bergantiños

Fóra de serie, o libro e documental para conmemorar o noso 40 aniversario

12 de decembro de 2016   -    Do sector

Con motivo do noso 40 aniversario, presentamos hoxe na capital galega o libro e o documental Fóra de serie. Ámbolos dous traballos recollen non só a bagaxe e os logros acadados por Aspaber e os seus usuarios durante estas catro décadas senón tamén, e sobre todo, a importancia dos xestos e as accións, tanto colectivas como individuais, que provocan cambios sociais e contribúen a eliminar barreiras. Esta é a principal mensaxe que quere facernos chegar Fóra de serie, a necesaria implicación individual para acabar cos prexuízos que nos impiden acadar as nosas metas.

O libro e documental exemplifican, a través dos usuarios e os seus pais e nais, unha loita que malia todos os obstáculos foi capaz de lograr todas as aspiracións que se propuxo e converter en realidade o que, en principio, parecía imposible. Fóra de serie achéganos unha realidade que quere ser mostra do que, cada un de nós e todos xuntos, somos capaces de conseguir se confiamos nas nosas posibilidades e nos esforzamos por levalas a cabo. Para contar a historia de Aspaber e concienciarnos da necesidade de modificar a forma de ver o mundo para poder cambialo recorremos á colaboración do xornalista Manuel Rey para escribir o libro. O documentalista Xosé Bocixa realizou a reportaxe gráfica. Cada quen, dende a súa profesionalidade, aporta a Fóra de serie a súa solvente visión para trasladarnos que somos capaces de cumprir os nosos soños se realmente loitamos por eles. Fóra de serie fala de gañadores. Fóra de serie fala de autosuperación.

Manuel Rey salientou na rolda de prensa posterior á estrea do documental que “o único que fixemos nós foi contar historias que nos tocaron a fibra e nos cambiaron a vida porque realmente fomos nós os que aprendemos moito destas persoas” mentres Bocixa destacou que a lectura final é que “capaces somos todos aínda que todos temos dificultades. Trátase de non poñer límites ao noso camiño. Temos que andalo sen medo”. A estrea do documental e máis a presentación do libro celebráronse esta mañá no auditorio do Edificio CERSIA, en Santiago de Compostela, e repetirase no Pazo de Cultura de Carballo o próximo domingo 18 de decembro.

Ao acto na capital galega acudiron, ademais dalgúns dos rapaces e rapazas que protagonizan Fóra de serie, o alcalde carballés, Evencio Ferrero, e a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca. Asistiron tamén outros destacados representantes de organismos e asociacións comprometidas con esta causa así como os autores dos traballos, Manuel Rey e Xosé Bocixa, e a directora de Aspaber, Dolores Fernández. Foi precisamente Dolores quen fixo un relato breve destes 40 anos de historia manifestando que se ben hoxe o éxito do proxecto é a plenitude dunha integración plena que culmina coa formación e emprego destas persoas, non menos importante foron as dúas etapas previas de darlles visibilidade social e facer valer os seus dereitos como cidadáns “porque a condición de persoa non ven dada por se es máis alto ou máis intelixente senón polo entorno de humanidade no que vives e te recoñecen”.


Imaxes