ASPABER Asociación

Asociación de Pais de Discapacitados Psiquicos de Bergantiños

13 usuarios de Aspaber preséntanse ás primeiras oposicións de emprego público da historia da Xunta de Galicia destinadas a persoas con discapacidade intelectual

10 de abril de 2017   -    Dos programas

13 usuarios de Aspaber preséntanse ás primeiras oposicións de emprego público da historia da Xunta de Galicia destinadas a persoas con discapacidade intelectual Usuarios/as de Aspaber minutos antes do exame

O pasado sábado 8 de abril 13 usuarios/as de Aspaber, que levaban máis dun ano preparándose para opositar a unha praza de emprego público da Xunta de Galicia destinada a persoas con discapacidade intelectual na modalidade de ordenanza, presentáronse aos exames aos que asistiron entorno a unhas 400 persoas e que se celebraron no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.

Estas oposicións ofertaban seis prazas na modalidade de Axudante de Xestión e Servizos Comúns (ordenanza) onde unha delas correspondía á provincia de A Coruña e as outras cinco restantes repartíanse entre as demáis provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A proba consistiu nun exame tipo test de 25 preguntas, basadas no contido dos seis bloques do temario que os usuarios/as estiveron a preparar previamente, con tres respostas alternativas que debían de cumprimentar nun tempo máximo de 90 minutos. O persoal de Aspaber acompañounos ás instalacións do Palacio de Congresos e distribuiunos nos diferentes accesos e ao mesmo tempo contaron co apoio do persoal de FADEMGA Plena Inclusión Galicia que colaboraron na aclaración de posibles dudas durante o exame.

Estas probas son a consecución da formación previa que os usuarios/as estiveron a desempeñar  de forma semanal nas nosas instalacións co apoio dos formadores de FADEMGA Plena Inclusión Galicia. Ademáis esta formación viuse reforzada dende a aula de Axuste Persoal e Social de Aspaber con sesións formativas de apoio á hora de levar a cabo os exercicios prácticos complementarios coa parte teórica.

Grazas a esta gran oportunidade de consecución dun posto de traballo estable, conséguese  avanzar un pouco máis na inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual.


Imaxes