ASPABER Asociación

Asociación de Pais de Discapacitados Psiquicos de Bergantiños

Presentación do proxecto de Formación Dual

14 de xaneiro de 2020   -    Novas

Presentación do proxecto de Formación Dual Alumnos e formadores do Proxecto de Formación Dual de Aspaber

Esta formación pioneira en Galicia comezou a impartirse a finais do pasado mes de decembro

Onte tivo lugar en Aspaber a presentación do novo proxecto de Formación Dual a través dun programa da Xunta de Galicia, que permite desenvolver colaboracións con 6 Centros Especiais de Emprego, incluído o CEE Aspaber.

A este acto asistiron o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria Francisco Conde, a Secretaria Xeral de Emprego Covadonga Toca, o alcalde de Carballo Evencio Ferrero, así como os alcaldes da Laracha, Malpica, Coristanco, Laxe, un representante do Concello de Ponteceso e edís do BNG, PP e PSOE da Comarca. Tamén estiveron presentes os representantes das outras 5 entidades participantes neste proxecto: San Xerome Emiliani, Aceesca, Juan María, Amicos e Juan XXIII.

Aspaber formará a un total de 10 aprendices que obterán un certificado de profesionalidade de “Limpeza de superficies e mobiliario en oficinas e locais” que se sumarán a un total de 60 aprendices entre todas as Asociacións participantes.

O modelo de formación profesional polo que apostamos é un programa formativo de 3 anos coa posibilidade de amplialo a 4, basado no método de “aprender a facer facendo” e onde a división entre o tempo de formación e o tempo de traballo dilúese, xa que a persoa empregará o 100% do tempo ás competencias grazas ao apoio contínuo do profesional en calquera dos contextos xa sexa na aula ou no posto de traballo.

O proxecto de Formación Dual iníciase para nos en Baleares fai 2 anos a través da Asociación Amadip Esment, á cal lle agradecemos todo o seu esforzo para que este proxecto fose unha realidade e se poidese crear un traballo en rede entre Amadip Esment, as Asociacións e a Administración.

Para Aspaber e para todas as entidades participantes neste proxecto, a Formación Dual é unha solución innovadora que responde ás principais dificultades que presentan as persoas con capacidades diferentes en materia de formación profesional e ocupación.


Ligazóns

Imaxes