ASPABER Asociación

Asociación de Pais de Discapacitados Psiquicos de Bergantiños

ASPABER rende homenaxe a Evencio Ferrero polo seu compromiso social durante 22 anos como alcalde de Carballo

17 de outubro de 2025   -    Do sector

ASPABER rende homenaxe a Evencio Ferrero polo seu compromiso social durante 22 anos como alcalde de  Carballo

ASPABER celebrou hoxe un emotivo acto de homenaxe a Evencio Ferrero, alcalde de Carballo durante 22 anos, en recoñecemento ao seu compromiso social e ao apoio esencial que brindou para o desenvolvemento da entidade ao longo destas dúas décadas. 

Foron os usuarios e usuarias de ASPABER, preto de 120 persoas, quen lideraron todo o acto, asumindo a organización, a presentación e as intervencións. A súa entrada foi recibida cun “pasillo” cheo de aplausos e emoción. 

Durante a homenaxe, déronse lectura a mensaxes de agradecemento e vivencias persoais. Un dos momentos máis conmovedores chegou coa testemuña dun usuario que compartiu como, grazas á oportunidade laboral en ASPABER asumindo a limpeza viaria do Concello, puido alcanzar independencia e levar unha vida plena e normalizada.

Como símbolo de unión e lembranza, invitouse a Evencio a plantar un carballo nas instalacións da entidade, como metáfora do crecemento compartido entre ASPABER e o Concello. A continuación, descubriuse unha placa conmemorativa coa transcrición dunha das súas frases máis significativas en defensa da labor de ASPABER. 

Outro momento moi especial foi a sinatura de Evencio no Libro de Honra da entidade, que está a piques de cumprir 50 anos de historia, deixando constancia do forte vínculo humano e institucional construído ao longo destes anos. 

Evencio agradeceu a homenaxe e puxo en valor o traballo de todo o equipo de ASPABER, declarando que “oxalá outros moitos concellos miren o exemplo de Aspaber e den oportunidades para que todas as persoas teñan dereito a unha vida digna”. 

O acto reuniu a preto de 170 persoas, entre usuarios, familias, profesionais e representantes institucionais.
 
ASPABER quere agradecer a presenza e o apoio dos portavoces municipais do PSOE (María Carmen Vila e Valentín Costa), PP (Beatriz Neira) e BNG (Daniel Pérez López, Luis Lamas e Maica Ures), así como a todas as persoas que acompañaron este momento tan especial. 

A xornada pechouse cunha canción, emotivos abrazos e moito cariño, nun ambiente de gratitude e recoñecemento mutuo.


Ligazóns

Imaxes