Aspaber inaugura o ano do seu 50 aniversario cun acto emotivo xunto a usuarios, traballadores e representantes institucionais
10 de abril de 2026 - Do sector
Aspaber deu comezo oficial ao seu 50 aniversario cun acto celebrado esta mañá na súa sede. A xornada comezou no exterior das instalacións, onde usuarios e traballadores participaron nunha fotografía colectiva xunto coa estrea da nova imaxe corporativa conmemorativa.
Baixo o lema “Aspaber 50 anos: traxectoria, compromiso e futuro”, esta identidade acompañará á entidade ao longo deste ano especial, no que se poñerá en valor o camiño percorrido e os retos de futuro.
O acto contou coa presenza do alcalde de Carballo, Daniel Pérez, acompañado de Milagros Lantes e do concelleiro de Obras, Luis Lamas, quen quixeron destacar a labor desenvolvida por Aspaber ao longo destas cinco décadas, poñendo en valor a súa traxectoria, o seu compromiso social e o impacto positivo da entidade na comunidade. Durante o encontro, desde Aspaber compartiuse tamén información sobre a actividade diaria da entidade, así como un adianto das principais accións previstas no marco deste ano conmemorativo.
Entre elas, destacan a inauguración da ampliación do Centro de Día no mes de maio; a mención á entidade na Feira do Libro de Xan Fraga en xullo; a organización dunha exposición de infografías sobre a historia de Aspaber na rúa Colón en setembro; a celebración, no outono, dunhas xornadas centradas na sostibilidade das asociacións no futuro, especialmente no ámbito rural; e a Gala do 50 aniversario, prevista para novembro no Pazo da Cultura.
Así mesmo, desde Aspaber sinalouse a previsión de contar cunha intervención artística na súa fachada, a pintada dun mural pendente de concreción, ademais de impulsar un proceso de renovación da súa imaxe de marca, entre outras iniciativas que se irán presentando ao longo do ano. Con este acto, Aspaber inicia unha programación especial coa que celebra os seus 50 anos de historia, ao tempo que reafirma o seu compromiso coa sociedade e coa construción dun futuro inclusivo.
Ligazóns
- Aspaber cumple 50 años y mira al futuro [LA VOZ DE GALICIA]
- Aspaber celebra cinco décadas de compromiso con la inclusión [DIARIO DE BERGANTIÑOS]
- Unha xuntanza comunal para abrir o 50 aniversario de Aspaber [QUE PASA NA COSTA]
- Carballo celebra os 50 anos de Aspaber: medio século de compromiso e inclusión [CONCELLO DE CARBALLO]

