Formacion adaptada ás persoas con discapacidade
18 de xuño de 2026 - Do sector
AP Dual Adaptada é unha variante da Formación Profesional tradicional, na que os contidos, a duración e a metodoloxía de aprendizaxe están adaptadas ás características e necesidades das persoas con discapacidade intelectual. Ten unha duración de tres anos que combina a formación teórica impartida no centro formativo coa aprendizaxe práctica en contornas reais de traballo. O alumnado desenvolve a súa formación de maneira equilibrada entre o centro e a empresa, adquirindo competencias profesionais directamente vinculadas ás necesidades do mercado laboral.
O alumnado FP Dual Adaptada conta desde o inicio cun contrato de formación en alternancia nun centro especial de emprego, remunerado coa correspondente co-
tización á Seguridade Social, favorecendo así a súa inserción laboral e o desenvolvemento dunha experiencia profesional real durante o proceso formativo.
Este modelo implantouse en Galicia no 2019 como un programa piloto financiado pola Consellería de Emprego, grazas á colaboración entre catro centros de aten-
ción á discapacidade: Aspaber (Carballo), Aceesca (O Porriño), Centro Juan María (Nigrán) e San Xerome Emiliani (A Guarda). Centros que, a súa vez, impulsaron a
creación de IN-RED: Asociación Empresarial Galega de Entidades Non Lucrativas da Discapacidade. Actualmente en Galicia hai 6 centros especiais de emprego involucrados na FP Dual Adaptada, cinco dos cales son socios de IN-RED. O programa ofrece unha oportunidade formativa e laboral a un total de 90 aprendices, nas especialidades formativas de limpeza, xardinería, comercio, restauración e administración.
Aspaber, que este ano celebra o 50 aniversario dende a súa fundación, está especializado en sectores e actividades como a reparación de productos plásticos, a
xestión de puntos limpos, limpezas, xardinería, carpintería, traballos con escaiola e manipulados corporativos. En total son vinte os alumnos e alumnas que
teñen participado nas dúas edicións do programa de FP Dúal Adaptada de Aspaber.
ASPABER ACADOU UNHA TAASA DE INSERCIÓN DO 80%
Na primeira edición do programa de FP Dual Adaptada, desenvolta entre 2019 e 2023 do programa, Aspaber formou a dez aprendices (nove alumnos e unha alum-
na) na especialidade de limpeza, acadando unha taxa de inserción laboral do 80 % ao remate do itinerario formativo. Dos participantes inseridos laboralmente, catro accederon a postos de traballo en empresas ordinarias e outras catro persoas incorporáronse ao Centro Especial de Emprego de Aspaber, consolidando así o seu acceso ao mercado laboral.
Na actualidade, dúas persoas continúan en proceso de procura activa de emprego, contando co acompañamento e apoio da entidade para favorecer a súa incorporación ao mercado de traballo.
SEGUNDA EDICIÓN
Na segunda edición deste programa, que se está a desenvolver entre 2024 e 2027, Aspaber está a formar a outros 10 aprendices na mesma especialidade.
A nivel máis xeral, en Galicia o programa de FP Dual Adaptada permitiu dende o seu inicio formar a 150 aprendices (60 na primeira edición e 90 na segunda), cunha
taxa de inserción sociolaboral que na primeira edición foi do 72%.
Considerando o conxunto das dúas comunidades autónomas na que se están a implementar –Galicia e Baleares–, o programa de FP Dual Adaptada deu unha oportunidade formativa a máis de 750 persoas con discapacidade intelectual, das cales máis de 600 conseguiron insertarse no mercado laboral, o que da boa mostra da transcendencia deste tipo de iniciativas.
O PROGRAMA TEN POR OBXECTO FAVORECER A CUALIFICACIÓN PROFESIONAL DE PERSOAS CON DISFUNCIONALIDADE
Os programas de FP Dual Adaptada van dirixidos a persoas maiores de 16 anos, sen límite máximo de idade, que teñan recoñecido un grao de discapacidade
igual ou superior ao 33 % e que se encadren nas categorías de persoas con dificultades no desenvolvemento, discapacidade intelectual ou enfermidade mental.
De maneira específica, o programa orientase a persoas con discapacidade desempregadas e inscritas nos servizos públicos de emprego. Tamén a persoas usuarias de centros ocupacionais que, malia contar cunha ampla experiencia e aprendizaxes adquiridas ao longo dos anos, non dispoñen dunha acreditación oficial das súas competencias profesionais.
Son destinatarias, ademais, persoas que se atopan en listas de agarda da Administración para acceder a recursos ocupacionais, debido á insuficiencia de prazas dispoñibles e persoas que finalizaron a súa etapa educativa dentro do sistema de ensino regrado sen obter unha cualificación profesional que facilite a súa incorporación ao mercado laboral.
Tamén poden acceder a este programa as persoas que precisan itinerarios formativos adaptados ás súas capacidades e necesidades de apoio, co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade, promover a súa autonomía persoal e favorecer a súa inclusión socio-laboral.
OBXECTIVOS
Os principais obxectivos da FP Dual Adaptada son favorecer a cualificación profesional e a inserción laboral das persoas participantes, capacitar ao alumnado no desempeño das tarefas propias da especialidade de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais e promover a aprendizaxe en contornas reais de traballo mediante a metodoloxía de formación dual.
Así mesmo tamén se procura desenvolver competencias persoais, sociais e laborais e facilitar a obtención dunha acreditación profesional oficial. Este programa permite obter unha acreditación profesional oficial de Nivel 1 (CP1, formación profesional básica) expedida pola Xunta, coa posibilidade de acceder a unha cualificación superior de Nivel 2.


